martes, 4 de noviembre de 2008

Como unha Cantiga

Coma unha cantiga
perdida no monte
así pasa a vida
e sécase a fonte.

Coma unha cantiga
perdida no monte
así corre a vida
coma auga da fonte.

Din que a señorita Pepis
anda buscando un amor
e foillo dar Xoán Quintá.
Ela quere outro mellor.

Ela é moza presumida
que se enzoufa coa pintura
e como custa ben cartos
traballa como unha burra.

Pero un día Xoán Quintá
que é home de malas pulgas.
-Quita a pintura esta noite
que vas arder como as Burgas.

-E logo así non che gusto?
-Gústasme, muller, gustas!
-Deixa logo que me limpe.
-Antes dareiche coa fusta.

-Pronto ha vir a tía Xoana
que anda a balear na eira.
-Anda batendo na parra
até que a deixe baleira.

-Boas noites Xoán Quintá
xa vexo que estás contento.
Pois vai pensando na voda
ou córtoche o que tes dentro!

-Tía Xoana non andabas
varrendo aló pola eira?
-Da grazas que vos pillei
ou ías quedar solteira.

-Miúdo susto nos deches
e a causa desta parada
trabóuseme a marcha atrás
e a Pepis quedou preñada.

Pois imos xa á vicaria,
o crego estará contento,
primeiro celebra a voda
e despois o nacemento.

E todos foron felices
Pepis, Xoana e Xoan Quintá.
E a banda do pobo toca
desde a noite até a mañá.

Na sombra dos meus amores
o teu recordo sen fin
é unha luz de colores
un adeus que nunca oín.

Escribir, escribir...
e así vivir.

Ver voar as bolboretas
coas súas follas de colores
perdéndose na espesura
como os tempos mellores.

Ver voando as bolboretas
entretendo os pensamentos
deixándoos voar con elas.

Amigo invisíbel
non sei onde estás,
síntote no aire,
síntote no mar,
síntote na cama,
ao irme deitar.
Amigo invisíbel,
sempre me acompañas,
de noite e de día,
á noite me amas.
E cantas co vento
na miña ventá,
e cantas cos ventos
cos ventos soáns.
Amigo invisíbel
de noite me amas,
non cantes,
non cantes
e vén para a cama.

Ondas que van e veñen
traendo escumas a centos
achegándose á Lanzada
coa forza dos oito ventos.

Amores, amores,
os teus os mellores.
Meu amor.

Son muller e cazadora,
e levo a presa no dente.
Son a xefa dunha manda,
manda de lobos da xente.

Cando escribo estou cantando
porque así escribo mellor
porque o sinto no meu peito
no bater do corazón.

HAIKU

Reciteille un verso ao mar
e o mar quixo bicarme,
coa boca dos peixes.

Secaron os meu ollos
de tanto mirar as estrelas
de día.

Tanto tempo mirando o ceo
que quedei cega.
Era de noite.

Quería ver o sol
pero o ceo cubriuse cun velo.
Ía chover.

As palabras voando,
onde irán?

Morreu un poeta
algo escintila no ceo.

PILY
OBRA DE TEATRO
NUN ACTO

¿QUEN MATOU O CORONEL LE COSTE?

PERSONAXES

inspector Flandín
secretario Gastón
Pablo o mordomo
Tareixa a cociñeira
Mariña a doncela
Antón o polifacético e cabaleiro nunha peza.
Cura
Señorita Weber.
Coronel.
Outros de aquí e de acolá.

Vaise celebrar a festa de enterro e todos andan pola cociña picando de aquí e de alá, pelando churras e facendo preparativos para enterrar ó coronel co mataran arreándolle unha taxada no pescozo para roubarlle uns zapatos moi estraños que el mesmo confeccionaba.

Un inspector investigaba o crime. Leva unha gorra a cadros con viseira e fuma unha pipa.

Ao principio preséntase unha escena onde todos choran. Os actores fan que limpan as bágoas cuns papeis hixiénicos.

ACTO I

ESCENA I

(Óese chamar á porta)
Pum, pum, pum,


Antón
Quen é?
Voz tras da porta
O inspector Flandín

(Antón abre a porta e entra o inspector)

Inspector
(entra por unha porta á dereita do escenario)
Bo día teñan todos.
Todos
Bo día.
Inspector
(Dirixíndose a Antón)
Veño investigar quen matou ó coronel Le Coste. Terían vostedes a amabilidade de relatarme onde estiveron a mañá do crime?
Antón
Verei se lembro polo miúdo. Por veces se me esquecen as cousas.
Mariña
Sempre se lle esquece todo e o siñor sempre lle rifa.
Inspector
Faga un esforzo, home.
Antón
¡Ben! Erguinme ás sete da mañá. Espertei ó siñor e señorita e ó secretario, pois tiñan que estar na igrexa ás oito en punto. Despois da misa almorzaron e todos se amosaron ledos e riron os chistes do siñor.
Inspector
Terían graza.
Antón
Ningunha.
Tareixa
A Antón alúmenos non lla fixeron.

Antón
A min non.
Inspector
Pero vostede quería ó seu siñor, ¿non si?
Antón
Quería moito, é verdade.
Xesús
Bo, por veces pelexaban,
Inspector
Pero a vostede non lle gustaban as súas bromas. E aquel día co mataron emprendeuna con vostede e matouno súpeto.
As criadas e os criados móvense polo escenario coma se fosen almas en pena dicindo ¡pobre coronel! ¡pobre coronel!
Antón
Non hai testemuñas. Pregúntelle a Pablo o mordomo xa verá como aquela noite o coronel me sentou á mesa con el.
Pablo
Pois non me lembro ben.
Antón
Pois pregúntelle a Gastón, o secretario.
Gastón
Velaí que eu tampouco me lembro moi ben.
Xesús
Aquí non hai asasinos, só hai berralláns.
Inspector
É bastante raro.
Mariña
É verdade eu son testemuña de que Antón sentou á mesa do coronel. El non puido matalo.
Inspector
Habería que buscar a ver quen ten os zapatos do coronel. Quen os teña é o criminal. Así que de aquí non poderá saír ninguén para que non haxa trampa.
Mariña
Pois busque, eu andei de limpeza e non os vin por ningures.
Tareixa
Velaí señor inspector que se eu o quixese matar podería envelenalo. Non me faría falta cravarlle unha navalla.
Xesús
Aquí ninguén o matou, xa que todos o queriamos ben.

(Súpeto ó inspector dixo cambiando de tema.)

Inspector
Haberá que investigar a quen lle fixo testamento o coronel.
Xesús
A min de seguro que min me deixou algo.
Gastón
Non é cousa de saber aínda.
Inspector
Pois vostede xa debería sabelo, pois é o seu secretario.

(Gastón dubida e dá unhas voltas)

Gastón
Non, coido que non o sei.
Inspector
Daquela vou pensar que é vostede o asasino para e que matou ó coronel para herdar axiña.
Gastón
Non atalle, inspector, non atalle, eu non o matei.
Inspector
Pois algún de vostedes tivo que ser.
Xesús
Volta e dálle, xa lle dixen que non o matou ninguén.
Tareixa
Daquela tivo que ser o mordomo, pois os mordomos case sempre son os culpables.
Pablo
¿Eu? Non entendo quen dixo tal cousa de cos mordomos somos sempre culpables.
Tareixa
Quixen dicir, case sempre.
Antón
O co matou coñecía o contido do testamento.
Mariña
Logo tivo que ser o secretario ¿Quen ía coñecer o testamento senón el?
Gastón
Agora xa lembro un algo. O siñor saíu ó xardín co siñor cura que andaba coxo, e velaí que o vin hoxe á mañá e non coxeaba.
Pablo
¿Non pensaredes co matou o cura?
Inspector
!Ha, ha, ha! Iso estaría ben.
Antón
Agora que me lembro o coronel andaba coa viúva do sancristán.
Inspector
Daquela o cura non ten móbil.
Tareixa
Ten o ten, eu vino falando por el.
Inspector
Muller, non é ese o móbil ó que me refiro. Eu refírome a que non ten desculpa.
Agora quedade aquí que vou ó xardín buscar probas do crime.

(Entra o cura)

Cura
Bos días nos dea Deus

Antón
Pois dígalle que escorrente as nubes que senón ha de se nos foder a festa de enterro.
Tareixa
Velaí o inspector que pensa que vostede matou ó siñor.

(O cura fai o sinal da cruz)

Cura
Eu non matei a ninguén, nestes casos son os desgustos os que matan ás veces. E vostede, inspector, deume un ben gordo.
Inspector
Eu cumpro coa miña obriga
Cura
Pero todos somos inocentes mentres non se demostre o contrario, ¿non si?

(Entra a señorita Weber)

Señorita Weber
Eu non o matei, que estiven lonxe e acabo de chegar, dígoo para que non me dean a lata con crimes. Eu veño cobrar a miña herdanza. Para iso son a filla adoptiva do siñor.
Tareixa
Muller, o siñor aínda está quente no cadaleito para que só pensedes en herdanzas. deixe aló menos co enterren.
Inspector
Aquí ninguén ha cobrar nadiña ata que se descubra o culpable.
Weber
Pois ande axiña que eu teño présa.
Inspector
Velaí que vostede aínda non vai herdar. Pois semella vostede culpable tamén.
Weber
Pero eu estiven fóra. Só vin hoxe ata aquí.
Inspector
É igual, nas cuestións de herdanzas hai dous motivos para matar. O desexo de entrar axiña no gozo dos bens legados ou o despeito por non ter sido beneficiado.

(O inspector sae para pensar mentres, todos seguen preparando a festa. Uns e outros móvense polo escenario como as ovellas pola aira. Pero non din mee.
De alí a un anaco o inspector entra movendo a gorra cunha man.)
Inspector
¡Ha! Xa sei quen matou ó coronel
Mariña
¿O cura, non si?
Inspector
Unha compacta ringleira de formigas rebeloume o misterio. No chan do xardín había varios refugallos de compota.
Antón
Veña diga axiña, ¿non ve que todos lle temos cravada a ollada?
Inspector
¿Para onde, para garabata?
Gastón
É ben fea, un policía debería pasar sempre desapercibido.
Inspector
Como lles dicía, xa sei quen matou ó siñor. Foi a cociñeira pois quen senón. Ela é a compoteira.
Xesús
Non, ela non foi!
Señorita Weber
E por que mataches ó bo de meu pai adoptivo, muller?
Tareixa
Bo! Porque el dixo que no mundo non había máis muller para el ca min e velaí que me enteei que andaba coa viúva do sancristán.
Inspector
Daquela non foi polo testamento?
Gastón
Coido que non

(O inspector sorrí)

Inspector
Non creo co vello andara con namoramentos e de picos pardos á súa idade. Sego a pensar que foi o a herdanza o que matou o siñor. Velaí que penso todos sodes culpables. Desde o momento do crime, todos vós tivestes contacto co defunto coronel e atopádesvos mesturados e revoltos no suceso.
Cura
Pero a Tareixa confesou e é culpable, que máis quere de nós?
Inspector
Que teñan a bondade de traerme o testamento do siñor.

(A ocasión foi digna para un sorriso, compracido na expresión dun mundo promiscuido no que os rostros, corpos, actitudes e frases confundíanse arredor dun cadáver co grafismo dun fondo de cine.)

Gastón
(Dálle uns papeis amarelos ao inspector)
Velaí ten o testamento do siñor.

(Todos se poñen indiscretamente a carón do inspector para le-lo contido do testamento.)

Pablo
Arre carallo, xa sabía eu que me ía deixar un dos seus dous cabalos.
Mariña
Aínda haberías querer os dous. Egoísta.
Pablo
Ven llos merecía polas veces que levo chamado siñor.
Mariña
Pois cobras ben caro os dicires.
Inspector Flandín
Fáiseme raro, o outro cabalo deixoullo á doncela.
Cura
E a min que me deixou?
Inspector
A vostede deixoulle as flores do xardín para que lle adorne o cemiterio.
Señorita Weber
Bo!, esas miudanzas. Eu son a herdeira de todo, para que quero eu as flores e os cabalos a min só me interesa a facenda e os cartos. Veña lea axiña a lista dos meus bens para que estes criados saiban quen manda aquí.

Inspector
Pois o testamento di que a vostede só lle deixou a súa colección de botas que el mesmo facía. Di que teñen grande valor.

(Os demais facían acenos de burla)

Señorita Weber
Haberá que ir ao avogado para que nos lea o testamento. de vostede non me fío nadiña. E a quen lle deixou os bens?

Inspector
Mellor é que llo diga o avogado, non si?
Señorita Weber
Pois xa que me deixou a colección de botas. Quítella as que ten o defunto, pois de seguro que eran as mellores, senón el non as levaría para andar pola outra vida.
Cura
As botas debiamos repartilas, aos meu pobres da parroquia haberíanlles abrigar os pés.
Gastón
As botas son unha obra de arte feita á man, todos deberiamos ter un par desas reliquias.

(Todos asentían)

Coronel
(Erguéndose do cadaleito coma se lle picaran o cu un milleiro de formigas.)
Ah! Rufiáns.

(Todos se soben enriba das mesas como se escapasen das augas do mar para enriba dunha illa ou dan voltas e viravoltas polo escenario semellando fuxir co medo.)

Cura
Coronel, ouviu vostede todo isto?
Coronel
Ouvín!
Inspector
Pero vostede non estaba morto?
Coronel
(Colle un fusil que tiña agochado no cadaleito e apunta cara os presentes.)
Morto! Mortos van estar estes rufiáns que case me fan estoupar o cerebro ouvíndoos.

(Todos dan voltas polo escenario facendo que foxen. O inspector queda no medio da roda e o coronel corre tras deles berrando):

Coronel
Quererme descalzar no cadaleito, vouvos dar eu botas, noxentos, rufiáns, avariciosos, heivos de causar feridas ata nos miolos...!

Inspector
(Intentando deter o coronel)
Coronel Le Coste! Coronel Le Coste!,
Coronel
Cale, inspector ou pégolle un tiro a vostede tamén!

PANO

viernes, 24 de octubre de 2008

Mi querida amiga

Mi querida amiga, tu eres mi obra oculta y revelada. Tu creador ha tenido que escudriñar las tinieblas para sacar su obra a la luz, o más bien, para traerla a una penumbra en la que no pierda enteramente su misterio. Tú eres mi diosa porque la poesía es magia de los dioses y endiosa. Según los mayas y los nahuatles, era el arte de endiosar las cosas. Yo, tu poeta, te endioso con estas palabras que digo, que te digo ni despierto, ni dormido, "clarivigilante", es decir: en estado de piedra mágica, de madera mágica, de animal mágico, de fuerza mágica.
Enhorabuena por tu blog

Vicente

Publicado por ellanotenercaballo el 6 de octubre de 2008

sábado, 18 de octubre de 2008

Para o meu fillo o día da súa voda


Para o meu fillo o día da súa voda,
a miña canción e a miña bendición.


Señor, hoxe sinto unha gran emoción.
hoxe casa o meu fillo.

Grazas, Señor, por levalo ao xardín do amor
e que os aromas dese xardín
dos que todos nos envolvemos algunha vez
os envolvan a eles até o final dos seus días.

Que gran ledicia sinto hoxe ao velo tan feliz.
ao velos aos dous tan contentos ante o teu altar.

Velaí, Señor , o canto dunha nai que pronuncia o nome do seu fillo,
nada máis fermoso:


Xoán, colle a túa esposa,
voa con ela, lévaa nos teus brazos polo camiños do vento
e escoita o seu corazón cheo de música.

Ela que naceu eternamente lonxe
agora estará ao teu lado para sempre.

Escoita a súa música
que enche o infinito entre dúas almas
e que non a apague a néboa do costume
e fálalle sempre palabras con ritmo do eterno.

Nas tímidas noites de verán
e nas frías noites de inverno,
cando o tempo e a brisa traian
un vasto murmurio de siliencio
rompe o velo do diáfano
e voa ao seu amor
á sorpresa infinita do voso primeiro encontro.

Eu estarei sempre velándovos
até que o Señor mo permita.

Todo o que tiña xa cho dei,
só me quedei, por recato, co meu máis tenue velo.

A túa vida comeza aquí e agora,
meu fillo,
outra vez, de novo un longo camiño.

O fillo apártase da nai e a nai do fillo
pero o meu amor de nai xamais se perderá.

Sobraranme horas para pensar
como un día viñeches a encher a miña vida,
como unha onda empuxando cos seus pés
a toda presa chamando á porta,
embeleñándote na cara da túa nai,
coñecéndome e coñecéndote
e eu te apertaba contra o meu corazón
e te bendicía.

E cantábache unha canción
que era coma unhas ás para o teu soño.
Esa canción, fillo meu, seguireina cantando
para que cando a noite negra cruce no teu camiño
sexa unha estrela fiel,
e sente nas meniñas dos teus ollos
e guíe o teu mirar até os brazos entrañables do amor.

Que o voso amor adoce as vosas vidas,
hoxe, mañá e sempre.

domingo, 5 de octubre de 2008

O cantar delas

Entra aire no meu peito.

Sae o cantar e ben feito:

o cantar delas.

Noso sentir con deleito.

O ar por un paso estreito:

o cantar delas.

Camiño leguas con elas.

Baixo o sol levo nos beizos

cantos de amor:

o cantar delas.