
Para o meu fillo o día da súa voda,
a miña canción e a miña bendición.Señor, hoxe sinto unha gran emoción.
hoxe casa o meu fillo.
Grazas, Señor, por levalo ao xardín do amor
e que os aromas dese xardín
dos que todos nos envolvemos algunha vez
os envolvan a eles até o final dos seus días.
Que gran ledicia sinto hoxe ao velo tan feliz.
ao velos aos dous tan contentos ante o teu altar.
Velaí, Señor , o canto dunha nai que pronuncia o nome do seu fillo,
nada máis fermoso:
Xoán, colle a túa esposa,
voa con ela, lévaa nos teus brazos polo camiños do vento
e escoita o seu corazón cheo de música.
Ela que naceu eternamente lonxe
agora estará ao teu lado para sempre.
Escoita a súa música
que enche o infinito entre dúas almas
e que non a apague a néboa do costume
e fálalle sempre palabras con ritmo do eterno.
Nas tímidas noites de verán
e nas frías noites de inverno,
cando o tempo e a brisa traian
un vasto murmurio de siliencio
rompe o velo do diáfano
e voa ao seu amor
á sorpresa infinita do voso primeiro encontro.
Eu estarei sempre velándovos
até que o Señor mo permita.
Todo o que tiña xa cho dei,
só me quedei, por recato, co meu máis tenue velo.
A túa vida comeza aquí e agora,
meu fillo,
outra vez, de novo un longo camiño.
O fillo apártase da nai e a nai do fillo
pero o meu amor de nai xamais se perderá.
Sobraranme horas para pensar
como un día viñeches a encher a miña vida,
como unha onda empuxando cos seus pés
a toda presa chamando á porta,
embeleñándote na cara da túa nai,
coñecéndome e coñecéndote
e eu te apertaba contra o meu corazón
e te bendicía.
E cantábache unha canción
que era coma unhas ás para o teu soño.
Esa canción, fillo meu, seguireina cantando
para que cando a noite negra cruce no teu camiño
sexa unha estrela fiel,
e sente nas meniñas dos teus ollos
e guíe o teu mirar até os brazos entrañables do amor.
Que o voso amor adoce as vosas vidas,
hoxe, mañá e sempre.
No hay comentarios:
Publicar un comentario